Festa da Vendima de Leiro. Agardámoste!

O Concello de Leiro, ven celebrando dende o ano 1989, o último domingo de agosto, a popular Festa da Vendima que xa vai pola XIX edición.

Leiro, pertence á Comarca do Ribeiro, unha terra con forte personalidade histórica que vén da man dun dos seus máximos referentes, o viñedo.  As aptitudes dos solos do val do Miño e as idóneas características climáticas, con veráns secos e invernos húmidos, favoreceron dende tempos moi antigos o cultivo da vide, que xera unha importante riqueza na comarca.

O viño do Ribeiro é froito dunha forte tradición milenaria. Os monxes beneditinos do mosteiro de San Clodio de Leiro foron os verdadeiros impulsores do viñedo nesta comarca, experimentando con novas cepas e mellorando a calidade dos viños. Estes caldos alcanzaron o seu máximo esplendor na Idade Media, durante a que conseguiron un grande aprecio internacional.

A creación da Denominación de Orixe do Ribeiro, a máis antiga de Galicia, remóntase ao ano 1957, e avala e garante as calidades do viño elaborado baixo esta denominación. Nos últimos anos, o viño do Ribeiro está recuperando a importancia e a relevancia dos seus mellores tempos.

En Leiro dende sempre, o sector primario é a base económica para gran parte da poboación ocupada, e o viño o produto máis cultivado e con maiores beneficios. No sector secundario o número de altas na elaboración e crianza de viños no actual ano é salientable. En relación ó sector servizos, tamén destaca o número de altas en actividades relacionadas coa restauración, co turismo en definitiva, asociado claramente ao carácter vinícola do municipio (paisaxes, patrimonio, gastronomía…) .

Asociado a este proceso, cada vez máis, Leiro destaca por ser un concello moi reclamado polos turistas (foi declarado de interés turístico pola Xunta de Galicia); trátase dun turismo relacionado coa cultura do viño que actualmente dinamiza a economía e sociedade de Leiro.

Aproveitando este auxe do enoturismo e a potencialidade do municipio de Leiro respecto ao dito coa Festa da Vendima 2008, na súa 19º edición, preténdese exaltar a uva do Ribeiro, as tradicións e costumes asociadas ao seu cultivo, á vez que se xenera un impulso do turismo na zona, un dinamismo social e forte implicación da poboación local.

En resume, durante todo o día do último domingo de agosto, realízanse varios actos:

– Recepción de acios
– Recepción de autoridades e convidados
– Lectura do pregón
– Desfile de carrozas, charangas e concurso de acios no que se recrean todas as tarefas que se fan con motivo da vendima, dándolle premios aos mellores
– VI Mercado artesanal
– Xantar oficial e entrega de premios
– Actuacións culturais diversas

Ó igual que en anteriores edicións contaremos coa participación da poboación local á hora de realizar as actividades programadas,- un exemplo foi a elaboración dun total de 18 carrozas no ano anterior-, poboación da comarca e turistas de todos os ámbitos xeográficos que se acercan para disfrutar da festa.

Preme enriba da imaxe para ver a galería fotográfica da festa da Vendima. Leiro 2008

Se desexas ver as notas de prensa aparecidas nos medios, preme nas seguintes ligazóns:

Advertisements

Os comentarios están pechados.