Historia e Patrimonio

Xa no século VI, existía nestas terras unha próspera comunidade agrícola. Sobre este núcleo e no ano 928, os condes don Álvaro e Savita fundaron o mosteiro de San Clodio e cedéronllo á Orde de San Bieito xunto con gando e terras nas marxes do Avía. Posteriormente, no século XIII, foi incorporado á Orde do Cister e aumentou progresivamente o seu poder económico, político e cultural en toda a comarca, chegando a ter catro freguesías e catorce coutos. Introduciu e impulsou o cultivo da vide por boa parte do actual concello. Foi desarticulado no século XIX coa desamortización de Mendizabal.

Por outra parte, algunas zonas do concello foron administradas polos condes de Ribadavia, nomeadamente Berán, Lamas, Serantes e Orega. As terras de Gomariz, pola súa banda, pertenceron ao mosteiro de Sobrado.

O románico está presente en igrexas como a de Sta. María de Lamas, situada aos pes de Pena Corneira; a igrexa de Sto. Tomé de Serantes, proposta para BIC con fachada de gran riqueza ornamental e un interesante baldaquino gótico no seu interior; a igrexa de Gomariz e a de Lebosende, está con fachada gótica (s. XVI). Outra iglexa de interese é a de San Verísimo de Berán, barroca do s.XVIII, con restos renacentistas e un escudo dos Sarmientos na fachada. En Leiro, merece mención a capela de San Pedro, de mediados do s. XVII.

Pero sen dúbida é o Mosteiro de San Clodio o referente cultural máis suliñábel. Fundado no 928 (como se cita anteriormente), adscribiuse á reforma cisterciense no 1225 e foi incorporado á congregación de Castela no 1536. Coa desamortización pasou a ser cuartel militar e en 1891 instalouse unha comunidade benedictina de Samos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1982, xunto coa ponte medieval, e actualmente alberga un hotel de catro estrelas. A variedade de estilos, dende o románico ao barroco, configuran un monumento singular.

Outros monumentos significativos son a ponte medieval de San Clodio, de finais do s.XV, escenario de enfrontamentos durante a Guerra da Independencia, e tamén declarado Monumento Histórico Artístico, e a chamada Granxa de Gomariz, con unha bodega que é un raro exemplar de construcción medieval galega. A destacar tamén, numerosas casas solariegas e blasonadas, como proba da fidalguía dos seus moradores.

(Tamén podes atopar máis información sobre estas e outras igrexas románicas da provincia de ourense premendo aquí.)