Turismo cultural

Dentro da riqueza cultural do Concello de Leiro podemos establecer unha pequena “Ruta do Románico”, na que comezaríamos por visitar a Igrexa de Gomariz, de estilo románico rural. Está situada nun alto no medio do lugar de Gomariz dende o que se divisa de xeito privilexiado o río Avia.

Formou parte como priorato do Mosteiro de Toxos Outos de Lousame, por doazón do Emperador Afonso VII do 9 de maio de 1138. Foi causa de graves conflitos e moitos preitos o tomar posesión dela a familia dos Sarmiento de Ribadavia a partir de 1369 e o Cabido da Catedral de Ourense no 1492 voltando ao Mosteiro de Sobrado no 1504.

A igrexa orixinal, moi antiga, poido ser feita polos templarios. Formaba parte do priorato de Sobrado dos Monxes hoxe desaparecido, que tiña moita importancia para o mosteiro, xa que lle serviría como adega. Das posibles edificacións propiedade do mosteiro quedan algúns restos nun edificio que se distingue pola cantería do muro e os canzorros que terman do beirado. Se foi un celeiro, como supoñen algúns autores, sería unha das poucas obras civís románicas que se conservan.

Posúe unha soa nave e ábsida amais de portada principal entre contrafortes primáticos, de arquivoltas semircirculares sobre columnas acobadas nas xambas. Orixinalmente estaba formada por tres naves, en 1499 aínda quedaba en pé a “ Torre dos signos”. A cabeceira e a nave son rectangulares. A fachada é a parte máis interesante desta igrexa. Dous pares de columnas estriadas e lisas manteñen o voo das arquivoltas peraltadas da porta principal. Decóranse con capiteis zoomorfos de singular beleza. Unha ventá románica sobre o voladizo enmarcada tamén con columnas e un arco de medio punto. Remátase cunha espadana que acolle as dúas campás da igrexa. A ventá románica do testeiro é de grandes proporcións e ten unha curiosa decoración nos capiteis.

A nosa seguinte parada é San Miguel de Lebosende, de estilo románico con arquivoltas semircirculares sobre columnas acodilladas na súa portada principal. O resto da edificación corresponde a obras realizadas nos S. XVI, como é a bóveda de pedra e madeira e esculturas e pinturas que se atopan no seu interior. Dende aquí divísase unha magnífica panorámica do val cos viñedos que producen o tan afamado viño do Ribeiro.

Continuamos a nosa viaxe cara Santo Tomé de Serantes que é un templo relixioso de feitura románica que ten a súa orixe no século XII. Componse dunha nave e ábsida rectangular. Os elementos máis destacados da súa fachada son a portada, o tomachuvias e un gran rosetón. A portada é apuntada, con dúas arquivoltas sobre columnas. O tornachoivas sostense por interesantes canzorros no que destacan as figuras humanas en actitude grotesca. Os capiteis desta portada decóranse con motivos vexetais xunto con motivos zoomórficos. Un deles representa dúas aves comendo dunha piña e outro tres homes. A fachada é de gran riqueza ornamental e no interior conserva un fermosísimo baldaquino gótico.

Xa por último, situada ao pé de Pena Corneira, atópase Santa Maria de Lamas, pequena igrexa románica que se ergue nas proximidades do lugar que ocupou o castelo onde sufriu prisiónAfonso VII. Tanto pola súa estructura como polos seus motivos ornamentais, é unha mostra do románico rural galego. Ten unha nave e ábsida rectangulares, cuberta por bóveda de madeira. En cada un dos seus muros ábrense sinxelas portas románicas, sendo a máis notable a de poente, con volutas, capiteis e tímpano de caracteristicas populares.